Argumento
Álbum de Jacobo F. Serrano (Vigo, 1971) que foi galardoado co Premio Castelao de Banda Deseñada 2007. A historia preséntase artellada en dúas partes: na primeira desenvólvese, a través do traballo arredor de escenarios e personaxes, un enigmático argumento, elíptico e de resaibos poéticos, que suxire e esboza misterios e temas diversos, mentres que na segunda parte aparecen un conxunto de notas que complementan e enriquecen o mundo ficcional creado ao comezo. O conxunto conforma un achegamento a desacougantes personaxes, mitos e lendas, reflexións sobre o amor, as relacións humanas, a morte, a crueldade, a viaxe, a procura da liberdade, o terror, os febles lindes entre soños e pesadelos..., que dá conta do persoalísimo estilo do autor.